Nova Galega de Danza: vinte anos recuperando a memoria a través do corpo

Nova Galega de Danza: vinte anos recuperando a memoria a través do corpo

A compañía Nova Galega de Danza cumpre dúas décadas tecendo a rede da tradición e da modernidade que une a Rosa Cedrón coas Tanxugueiras, entre outras figuras da cultura galega. Percorremos a súa historia, uha colectiva e colaborativa, a través do seu último espectáculo, ‘Berro’.

21/02/2024

Berro. / Foto cedida

A danza axúdanos a lembrar o valor colectivo de convivir. Esa é a esencia de Berro, o último espectáculo co queNova Galega de Danza celebra o seu vinte aniversario imbricando folclore e contemporaneidade. Durante 2024 xirará por Galicia e por España cunha programación especial que reivindique o seu papel na cultura galega.

Desde 2003 a compañía representou oito espectáculos, ademais deste Berro: Credo (2022), Leira (2020), Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003). Algúns deles, como Leira ou Alento, obtiveron recoñecemento dos Premios Max. En 2021 o premio foi para Iván Villar como mellor intérprete masculino de danza e, en 2021 e 2005, foron finalistas como mellor espectáculo e mellor espectáculo revelación, respectivamente.

Estas oito creación teñen títulos “con moita forza expresiva na palabra”, segundo explica o seu director (e tamén bailador, no caso de Berro), Jaime Pablo Díaz. Precisamente, oito son tamén os anos cos que comezou a bailar no seu Ferrol natal, fascinado polo folclore. De Ferrol pasou a Rey de Viana, na Coruña, onde descubriu a danza clásica, e de alí continuou en Madrid aprendendo danza contemporánea. “Collendo moita información de todo, pero sen perder a esencia, porque para min o tradicional é a fonte de sabiduría de onde podo extraer material para crear as novas producións”, comenta.

Jaime Pablo Díaz sabía que quería montar unha compañía, “pero sen maior pretensión que representar un espectáculo, moi no día a día, e cando botas a vista atrás ves que estiveches en México, Colombia … supón un orgullo levar a nosa cultura ata estes lugares”. A historia da compañía vai da man do propio emerxer e consolidación de voces como Mercedes Peón, Rosa Cedrón, Xurxo Fernandes ou as Tanxugueiras, que dan continuidade á música e danza tradicionais.

Unha rede cultural colaborativa

“Ao rebufo da compañía xurdiron outras e mesmo se trazaron unha sorte de acompañamentos dos que se forneceu unha rede cultural colaborativa”, explica o artista Xurxo Fernandes, unha desas pezas que conectaron no encaixe fiado por Nova Galega. “Están a dignificar unha disciplina como a danza, fusionando a modernidade coa tradición, e levándoa a escenarios de importancia a nivel nacional e internacional”. Así subliña Aida Tarrío, unha das integrantes das Tanxugueiras e parte das voces que soan en Leira, a pegada da agrupación no acervo do país. Este “poñer en valor o vocal e a música, expresións máis básicas dos pobos, dentro da proposta de danza” é algo que tamén aplaude o artista Xurxo Fernandes. Para músicas como Rosa Cedrón, sumarse a esta rede supuxo “unha experiencia interpretativa nova, xa que nunca tocara o cello nun escenario onde estaban actuando tamén bailadores, e iso adquiriu un novo matiz na miña peza”. O manager musical e docente de baile Antonio Prado identifica á compañía como “referentes neses proceso de entender que todo avance será mellor se temos en conta as nosas raíces.

Contribuíron a que valoremos a riqueza cultural do noso país, abrindo camiños que axudan a sacar peito cando bailamos unha muiñeira ou escoitamos un maneo”.
O propio Jaime Pablo Díaz valora o abundante número de bailadores que hai en Galicia desde o ano 2000, co nacemento da compañía. “Dámonos conta de que superamos con creces ao resto de España na cantidade de xente que está a poñer en práctica o folclore, e mesmo que recollen esa tradición e fan cousas novas”. Esta ledicia e abundancia contrasta co apoio a unha disciplina minoritaria dentro do panorama artístico. “As axudas son insuficientes: temos sete bailaríns, equipo técnico de iluminación, son… é un elenco grande e só vemos que si existe máis soporte cando viaxamos a outros lugares como País Vasco ou Cataluña, se ben contamos con subvencións da Xunta de Galicia e da entidade privada Vegalsa-Eroski”.

Berro. / Foto cedida

Berro, a fenda na memoria

Berro ata o nó destes vinte anos lembrando que somos persoas illadas na sociedade, que se atopan sen memoria nin raíces e que andamos na procura dela entre o incesante ruído provocado polo exceso de tecnoloxía. A obra representa a viaxe para recuperala, intentando darlle forma a ese berro interno que sae do baleiro.

Trátase dun espectáculo conceptual, onde o folclore se mestura coa danza de contacto que propón a dirección artística do Sharon Fridman. Os puntos tradicionais articúlanse ata o último detalle, desde o orgánico e o visceral, e compoñen os novos pasos ata que voltamos, por fin, a saber quen somos. “Cando ti non lembras e estás comezando a entender o que acontece, todo se inicia cun pequeno movemento, a partir do que comezas a facer moitas preguntas. Aí desglosamos os puntos e dámos corpo ao que queremos contar con Berro”, argumenta Jaime Pablo Díaz.

Nesta peza traballou o equipo de sempre, co elenco conformado por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Alba Cotelo, Laura Santamariña, Ricardo Fernández e Iván Villar, e tamén novas incorporacións, como a vasca Ikerne Giménez na escenografía, quen a plasmou como un espazo totalmente limpo que remata quebrado por unha fenda. A música está a cargo do nominado a un Goya á mellor banda sonora Sergio Moure de Oteyza, quen leva aportando as sonoridades da compañía desde hai anos. Nesta ocasión, combina unha atmósfera auditiva a modo de pingas que acompañan esas coreografías case pixeladas do corpo de baile.

Pecha o telón Jaime destacando que con Berro a compañía está “nun lugar moi distinto, porque sempre intentamos ir máis alá, e por iso tamén incorporamos xente externa, como ocorre con Sharon. Foi rico o intercambio de bailes tradicionais occidentais e orientais, e coido que nesa combinación deixamos unha peza que aporta unha visión completamente contemporánea e acorde aos tempos actuais. Nestes vinte anos temos aberto unha fiestra nova e moi diferente”. Unha fiestra que se ve, se escoita e se pode sentir co corpo sobre o escenario cando Berro acontece fronte os nosos ollos.

Download PDF
Etiquetas: , ,

Artículos relacionados

Últimas publicaciones

Download PDF

Título

Ir a Arriba