Teatro sen máscaras pola visibilidade

Teatro sen máscaras pola visibilidade

A compañía 'A Panadaría' percorre Galicia para traer ás táboas unha interpretación comprometida sobre a historia de Elisa e Marcela, as primeiras mulleres das que se ten conta en casar… Aló polo 1901. 116 anos despois, convírtese na primeira obra de teatro en galego cunha trama explicitamente lésbica.

17/01/2018
Foto: A Panadaría

Foto: A Panadaría

Unha escenografía minimalista, danza, musical, xogos de luces, comedia e textos documentados e moi coidados para sacudir a lesbofobia baseándose en feitos reais. O que é o mesmo, Elisa e Marcela, a primeira obra teatral galega cunha clara trama lésbica, unha proposta que a compañía de teatro A Panadaría está a levar polos teatros galegos nestes meses, coa pretensión de realizar unha adaptación en castelán que faga chegar fóra das fronteiras galegas a historia das primeiras mulleres en casar en Europa no ano 1901.

A súa interpretación da historia destas dúas mulleres –da que xa faláramos en Pikara Magazine– realízase desde o compromiso coa visibilidade, “porque o teatro non é só entretemento, queremos que sexa político”, indican as integrantes de A Panadaría. E non quebrantan ás súas propias palabras: hai política, desde o propio convite para as primeiras persoas en chegar ao despacho de entradas, que debían dicir “ola, son lesbiana” para obter as entradas, ata a loita cos concellos que non querían programar este espectáculo por “fomentar a homosexualidade”, ou o traballo en conxunto cos que si quixeron apostar por esta obra activista e fomentar obradoiros e roteiros que complementan nunha vertente didáctica o relato narrado no espectáculo.

suscribete al periodismo feminista
Foto: A Panadaría

Foto: A Panadaría

“Cremos que hai moitas reivindicacións imbricadas no feito de contar a historia de Elisa e Marcela. En Galicia temos reivindicado moito a outras mulleres como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, pero Elisa Sánchez e Marcela Gracia son un segredo para grande parte do pobo galego a día de hoxe”, explican. A memoria destas dúas mulleres presumiblemente anónimas leva a falar doutros casos de travestismo funcional a inicios do século XX, doutras revolucionarias da época como as toureiras Nicolasa Escamilla ou María Reverte, incluídas no propio espectáculo.

A historia de Elisa e Marcela está chea de suxestivos baleiros, nesgada pola prensa da época e cunha visión moi sensacionalista. “Sabemos moi pouco alén de que casaron, estiveron no cárcere en Porto e despois en Buenos Aires. No proceso de creación da obra tivemos que ir elixindo o que íamos dar prioridade e como íamos construír os fíos que unisen eses baleiros, aceptando certas renuncias”, detallan.

A acollida en Galicia, onde están representando desde outubro, está a esgotar entradas ó pouco de anunciárense. Mentres preparan unha versión en castelán para programar xira no 2018, en paralelo, grazas ó apoio do Centro Dramático Galego e aos Concellos da Coruña, Rianxo e Vimianzo, impulsarán actividades paralelas destinadas principalmente á mocidade e a persoas maiores. Striptease de xénero ou Tortigrafías, cartografías do desexo racharán a barreira da visibilidade con intervencións urbanas que cuestionarán o binomio de xénero, reconstruirán a arquitectura queer e realizarán un itineario sensorial para falar de sexualidade, memoria e visibilidade.

Foto: A Panadaría

Foto: A Panadaría

“Queremos plantarlle cara a lesbofobia e celebrar que nos seguimos amando e que somos visibles”, sentencian as integrantes de A Panadaría. Sen ánimo de facer spoiler, rescatan un anaco da canción que despide o espectáculo: “Neste mundo gris onde falta luz imos ser estrelas que iluminen o camiño, beixos e aloumiños as nosas armas, pois sabemos que amar non debe estar prohibido”. Báixase o pano, pero a representación transcende o vivido nas táboas para rachar prexuízos nas rúas.

PRÓXIMAS FUNCIÓNS:

Febreiro:

17. Viveiro – 18. Sada – 22. Monforte – 23. Carballo

Marzo:

1. Ourense – 2. Ames – 3. Noia – 8. O Rosal – 9. Neda – 11. Cangas – 17. Oleiros – 23. Lugo

Maio: 

5. Cedeira

Xuño:

15. Ribadumia – 29. Ponteareas

 

Download PDF
master violencia de género universidad de valencia

Artículos relacionados

Últimas publicaciones

ayuda a Gaza
Download PDF

Título

Ir a Arriba