A revolución dende o sofá branco
Elas non o sospeitan, mais ti xa comezas a ver que vai haber unha revolución. Poden chegar como vítimas de violencia de xénero, mais van traballar para rematar o proceso de curación como sobreviventes.
Moitas son conscientes de que a maior dificultade e fonte de conflitos (tamén con elas mesmas) está na súa relación de parella. Xa che abriron a porta, entón podes pasar e seguir preguntando. Con respecto, sen xulgar, acompañando. Estás na súa “casa”, na súa intimidade e ti es unha convidada coa que decidiron compartir inquedanzas. Estás dentro, e o teu piloto, segue acendido. Mantés prudencia e non deixas que se note porque non podes adiantarte. Deixas que falen, que se expliquen. Ao seu ritmo e ti acompañas mentres elas guían.
Comezan por definir aspectos relacionais entre elas e o seu compañeiro, sitúante nun marco temporal, e entón ti comezar a tecer. Úrsula afirma que “as cousas se me caen das mans. Afeita a que el me berre por todo, estou máis torpe que nunca”. “Discutimos moito porque, por exemplo, non me deixa o coche para saír da vila onde vivimos e eu cada vez estou máis aillada de todo e de todas as persoas. O único contacto co mundo é o que teño a través da miña filla de 15 meses. E tamén se ocupa de ir restrinxindo os nosos tempos de ocio e de que pasemos cada vez máis tempo na casa. El mentras está de cañas cos seus amigos”, continúa a explicar.
O control, cada vez máis evidente, dos tempos e dos espacios vai privándoas de liberdade e independencia. Canto menos contacto teñan con outras persoas, máis débiles se van sentir.
María conta como “fun perdendo relación coa miña familia. El non quere compartir ningún plan e cada vez que nomeo a miña nai, sei que é bronca asegurdada. Xa deixei de ir tomar café con ela ou coas miñas irmás todas as semanas. Síntome entre a espada e a parede”.
No caso de Natalia o control non quedaba no ámbito máis familiar ou doméstico, senón que invadía a súa faceta laboral. “Chegaba o momento da cea de empresa e sempre quería vir comigo. Non podía ir sola. Cando eu lle expoñía a situación ao contrario, de por que eu non o acompañaba a el as súas ceas, a resposta sempre era “non é o mesmo”. Ao final deixei de ir ás ceas para evitar discusións”.
O control tamén o poden exercer nun plano económico, como é o que o caso que conta Úrsula: “Dende o nacemento da pequena el pide contas de cada céntimo gastado, e cuestiona as compras que fago, dende as cremas que tiven que empregar para a mastite, até o prezo dos cueiros. Todo lle parece demasiado caro. Como se fose un capricho meu”.
Estas loitadoras cada vez se sinten máis soas, máis ailladas de todo e de todos, mesmo do seu compañeiro, que xa pouco ten que ver coa persoa que aparentaba ser ao comezo fa relación. Mar explica que “non é nada afectuoso, estamos a moita distancia psicolóxia e despois pretende ter sexo. Se non o temos, enfádase e rise de min e das miñas emocións cando intento compartir o que preciso”.
Estas son algunhas anécdotas que conforman as súas historias. Unha historia que leva repetíndose moitos días, demasiados, que as vai afastando de elas mesmas, do que querían, do que lles gustaba. E si, lamentablemente, rematan por perderse. Xa non se recoñecen. Uxía, afirma que “sen decatarme deixei de ser eu. Fun perdendo seguridade, collendo medo e crendo que realmente era eu a que causaba os seus enfados e que tiñan unha xustificación no que eu facía mal ou directamente non facía”. Despois dun desgaste diario que se da durante anos, “sutil” e aceptado socialmente porque non se trata dun maltrato físico, non son quen de reencontrarse. De lembrar cal era ese plan de futuro que tiñan para elas, para a relación ou para a familia.
En función do momento de consciencia no que se atopan, podes ir a máis ou menos velocidade. Despois de escoitar, como profesional é a túa quenda e tócache poñerlle nome ao que están a vivir. Violencia de xénero. Un maltrato continuado no tempo, que a xente do arredor non ten porque ver, ou si, porque normalmente é algo do que non se fala, e porque se da no ámbito doméstico. É unha violencia silenciada e normalizada. Elas conviven con unha imaxe do seu agresor que nada ten que ver coa imaxe que ten a xente de fóra da casa, con quen son encantadores e aduladores. Iso as convirte a elas en esaxeradas, e como xa aprenderon que a culpa é delas, aprenden a calar.
Despois de pór a palabra maltrato encima da mesa, de verbalizala e de que se faga realidade, chega o momento de traballar. Desculpabilizar, explicar as bases do maltrato… Moitas veces unha lectura dun texto explicativo, é suficiente para facerse consciente de que elas non son as culpables. Cando se trata dun maltrato psicolóxico, chegan a entender porque queren distancia física e psicolóxica con el. Entenden, tamén, que o maltrato non pode estar nunca xustificado por ningunha razón. Non deixalas solas e acompañar nun proceso de empoderamento, é do máis importante. Que se fagan fortes, tomen o control da súa vida, se recoñezan no espello e se reencontren con eses soños aínda non cumpridos, simplemente agochados durante tantos días de medo e opresión. “Non lembro a última vez que tiven tempo para min, para facer o que antes me gustaba. Agora todo é tempo para as crianzas e para el, para o traballo doméstico e de fóra da casa. El si ten os seus tempos cos amiguetes, coa súa carísima bici e para organizar ceas na casa das que sei que me vou encargar eu”, explica Mar.
O proceso pode comezar polo que lles resulte menos complicado, xa que pedir grandes cambios pode ser demasiado arriscado. Vai ser un proceso longo, no que van atopar moitas resistencias sociais, burocráticas e familiares. Hai que refacerse dende o máis básico, moitas veces recuperando as cousas que facían “antes de”: deporte, lectura, vida social… Elas marcan o ritmo da reconstrucción, que se verá acelerada e reforzada cando hai unha rede afectiva que as rodea e as acompaña. En caso de haber papeis, descendencia ou cousas materiais en común, vai ser importante que se asesoren a nivel legal, que consulten con unha avogada os pasos a dar á hora de tomar as decisións axeitadas a nivel práctico.
Xa son moitas as mulleres que sentaron no sofá branco da revolución, das que aprender que nada do escrito nos manuais é universal. Que a única receita que funciona é a aceptación incondicional, o non cuestionamento e a escoita activa. Que se sintan entendidas, e que non están tolas. Non esaxeran. “Non entendía como despois de tantos anos de matrimonio podía sentirme así de lonxe. As crianzas xa son conscientes da situación de tensión e toxicidade que hai na casa. Esto non pode seguir así”, sentencia Uxía. Non precisan pastillas, xa que un tratamento psiquiátrico non vai axudar a que sexan máis fortes nin que a situación cambie. Poden chegar como vítimas de violencia de xénero, mais van traballar para rematar o proceso de curación como sobreviventes. Despois de mudar a imaxe sobre si mesmas, de traballar o medo, de acompañar no duelo, a narrativa muda e a palabra ilusión sae de novo comezando a tomar un papel protagonista nesa historia que seguimos a tecer. “Volvo ter forza e ilusión, gozo do meu traballo como nunca. Síntome segura nas aulas e o alumnado nota que sorrío máis”, explica Mar, profesora nunha escola superior. Ti non a dixeches, mais sabías que a palabra ilusión volvería aparecer e que é o signo de que as múltiples cicatrices comezan a estar curadas. Agora precisan tempo e oportunidades, arroupamento e confianza para construír a súa propia historia ao seu xeito; elas son as protagonistas e directoras. “Gozo do meus tempos en soidade, boto a tarde lendo no parque, ou collo películas na biblioteca. Até gozo do sexo comigo mesma. Toda unha novidade para min. É unha sensación marabillosa non precisalo para nada, non andar dando explicacións. Ser ti a que decide ir ou vir, marchar ou ficar en función das túas apetencias”, conta Maca, profesora de ensinanza secundaria.
Síntome unha verdadeira afortunada de que me permitan traballar con elas. Que me demostren que “nunca é tarde para ser feliz”. Que senten no sofá branco e me deixen revolucionar con elas. Rebentar un sistema de crenzas e condutas con bases patriarcais que non lles deixa loitar polo que desexan. Despois dun proceso de cambio, de adquisición de ferramentas, de fortalecemento, as ves saír pola porta máis fortes, con un sorriso e elas non o saben, mais ti tamén estás con máis forza e con moita máis enerxía.
Igual que elas non sospeitaban que ao sentar no sofá branco iamos provocar unha gran revolución, non sospeitan que cada vez que unha delas chega ao final do proceso terapéutico eu estou máis convencida de que a revolución será feminista ou, simplemente, non será. Ou como dicía a magnífica escritora, Begoña Caamaño, “de que a vida é feminista ou, non é vida”.