Women’s March, vitoria ou instrumentalización do feminismo? Participa

Nota: Esta es la sección de libre publicación en la que promovemos la participación de las lectoras. Publicamos contenidos que nos parecen interesantes aunque no coincidan con nuestra línea editorial ni con nuestros criterios de edición. Máximo 3 folios.

Xandra Martínez

Marcha de mujeres contra Trump en Washington

Marcha de mujeres contra Trump en Washington

O pasado 20 de xaneiro os EUA investían ao presidente electo Donald Trump. Ao día seguinte, milleiros de persoas ateigaron as rúas de Washington e doutras 600 cidades do mundo para reivindicar os dereitos das mulleres.

Poderiamos pensar que estamos a vivir un espertar, que a sororidade está en alza, e que as mulleres do mundo somos quen de unirnos e saír ás rúas de Berlin, Bombai, Sidney, París, Lisboa, Estocolmo, Tokio, Madrid (e así ata 600 cidades) simultaneamente, para berrar pola fin do patriarcado, do capitalismo salvaxe e da discriminación racial.

Poderiamos incluso alegrarnos da capacidade de reacción, da unidade entre colectivos dispares, da presenza de caras coñecidas que dan voz ao pobo, ou da notable cobertura mediática destas manifestacións.

Mais, se cadra, alegrándonos desta acción do “feminismo global” sen profundizar no que se agocha detrás, pecamos de ilusas e corremos o perigo de converternos en ferramentas útiles para o stabilshment.

Historicamente, o capital soubo utilizar no seu favor as loitas transversais do pobo edulcorándoas e dirixíndoas cara os seus obxectivos, baleirándoas de contido e alienando á poboación combativa. Mentres xogamos coas regras que o sistema marca non incomodamos. Gañamos así o dereito a que os seus medios nos dean voz, a colocar o noso debate na palestra, se escoite o discurso e se sume xente á causa.

Neste tipo de situacións, participan activistas que son quen de aproveitar a oportunidade, de utilizar os altofalantes que se lles ofrecen para intervir cun discurso combativo, ao que doutro xeito a maior parte das manifestantes non organizadas non terían acceso. A intervención de Angela Davis constitúe un exemplo. Conseguir que parte da poboación mobilizada tome conciencia será un pequeno éxito.

Non obstante, a maioría dos discursos que se difunden dende os medios están baleiros de contido e tan só pretenden a axitación puntual e momentánea, evitando criar unha conciencia que se puidese volver na súa contra ao identificar o inimigo real a combater.

Non sinto simpatía por Donald Trump, aínda que penso que non é o primeiro (ogallá que sexa o último) dirixente dun País que defende absolutas barbaridades; a diferenza é que desta vez véñennos metendo o medo no corpo dende que se presentou aos comicios.

Como resultado chegamos a esta situación inaudita, na que medio mundo se manifesta en contra dun presidente que non tomou aínda ningunha medida.

Defendo que saiamos á rúa, que nos organicemos, que rexeitemos dirixentes que nos violan.  Por iso debimos encher as rúas cando o presidente israelí Moshe Katsav foi declarado culpable de violación e abuso sexual, ou cando Dominique Strauss-Kahn, presidente daquela do FMI foi acusado de violación.

Temos que unirnos e colapsar as cidades en prol dos dereitos e a xustiza social. Non podemos permitir a construcción de muros que nos separen en cidadáns de primeira e de segunda. Tiñamos que ter colapsado as nosas cidades cando Bill Clinton construíu o muro con México, cando Ariel Sharon fixo o propio co Muro de Cisxordania, cando Mariano Rajoy levantou un valado en Melilla, cando Europa eleva muros para illar aos refuxiados dunha guerra promovida unha vez máis polos EUA e a NATO. A teor disto, se nos preocupa a falta de paz e liberdade, o mundo debería terse mobilizado cando se outorgou o premio Nobel da paz a Obama mentres os EUA representaban un papel protagonista nas guerras de Irak e Afganistán.

Non debemos tolerar as políticas racistas e discriminatorias, pero os EUA non precisan mudar de presidente para ter bos exemplos de discriminación racial. As mulleres migrantes viven alí situacións especialmente duras: vulnerables á violencia machista nos fogares, experimentan tamén altos niveis de abuso e explotación nos seus empregos; todo baixo a constante amenaza de ser reportadas ás autoridades de inmigración. Isto, non obstante, non provoca marchas multitudinarias de protesta. Tampouco no estado de Israel, onde pasan os anos e se perpetúa o apartheid sen que milleiros de persoas percorran múltiples cidades do mundo en protesta.

Dá que pensar.  Sobre todo cando nesta marcha participan entre as activistas Hillary Clinton ou John Kerry, que teñen defendido os dereitos humanos ao seu xeito: utilizando ao Estado Islámico na intervención dos EUA en Siria. Tamén Linda Sarsour, que tivo un papel activo nesta mobilización, manifestou “non querer ser parte de unha xeración na que  sucedan cousas horríbeis baixo a súa mirada”; ela, unha das cabezas visibles dos Irmáns Musulmáns nos Estados Unidos e defensora activa dos “rebeldes en Siria”, ela que mira para outro lado cando estes violan, torturan, decapitan e lapidan mulleres cada día en toda a xeografía Siria.

Dá que pensar tamén, cando 56 dos colectivos que participaron na marcha obteñen financiamento de George Soros, magnate que subvencionou os movementos que desembocarían no goberno reaccionario de Moldavia e na chegada ao poder da extrema dereita na Ucraína.

É canto menos chamativo, que unha convocatoria feminista remate coa actuación dunha estrela da canción como Madonna, quen durante toda a súa carreira exhibiu o seu corpo normativo contribuíndo á cousificación que promove o patriarcado.

Evidentemente, tanto a militancia feminista de base como o feminismo de clase estiveron presentes, non obstante o protagonismo foi de actrices, cantantes e persoas públicas, deixando nun segundo plano ás activistas que traballan a cotío neste eido. O feito de que as caras públicas monopolicen o discurso neste tipo de convocatorias resta, unha vez máis, intensidade e realidade ás demandas; pérdese a mensaxe da esquerda antiimperialista e anticapitalista. Convértese así a convocatoria nunha demostración de forza en torno ao partido Demócrata cuns obxectivos políticos claramente definidos.

De profundizarmos no xeito no que se organizou esta manifestación xorde a desconfianza. Os que moven os fíos do sistema quérense apoderar (outra vez) da nosa loita, e teñen uns obxectivos moi diferentes aos da convocatoria desta manifestación. Agora depende de nós non facerlles o xogo. As activistas debemos continuar a denunciar, a convocar, a sinalar. Debemos deixar a nosa mensaxe. Identificar o inimigo e coñecer o prezo das alianzas co mesmo.

Ogallá mil marchas máis no mundo; pero marchas nas que as desposuídas teñan a voz, nas que o poder non mova os fíos. Polo pobo dos EUA, máis tamén polo palestino ou polo sirio. Polas vítimas do patriarcado, do imperialismo, do capitalismo. Polo dereito a decidir nos nosos corpos, a non ser mercadoría. Non precisaremos a financiación do poderosos, se non a vontade e a forza das que sofremos o sistema día a día e traballamos para construír unha vida radicalmente diferente.

Women’s March, vitoria ou instrumentalización do feminismo?
0 votes, 0.00 avg. rating (0% score)

Revista que ofrece periodismo y opinión con un enfoque crítico, feminista, transgresor y disfrutón.

Uso de cookies

Nosotras también hemos sucumbido a las cookies y eso que no son de chocolate. Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies