fbpx

Rachar o espello de Alicia: por un feminismo decolonial En red, Opinión

Os feminismos occidentais precisan un xiro epistemolóxico: deixar de ser Alicias que entran, monstruosas e en tropel, nas vidas das outras. Coñecer en profundidade e complexidade os contextos, deixar que elas (múltiples, diversas, complexas) falen, desfacer oposicións ficticias e estereotipos recorrentes que só producen silencio.

Alicia descubre una de las puertas, en un grabado de John Tenniel

Alicia descobre unha das portas, nun gravado do seu primeiro ilustrador, John Tenniel.

Seguramente moitas de nós crecésemos escoitando falar, lendo ou en tempos máis recentes, vendo, a Alicia no seu país das marabillas e na súa viaxe a través do espello. Alicia é unha ficción que ten moitas máis lecturas das aparentes. Unha delas, chegada de lectoras feministas non occidentais que foron obrigadas, porque así o mandaba o canon, a ler esta historia de nena loira, fálanos de como Alicia pode lerse coma unha metáfora da colonización. Como a historia da muller branca que chega a poñer orde e dominar un mundo que lle resulta alleo, estraño e incomprensible. Onde todo o que ve a remite á tolemia, porque simplemente carece das ferramentas necesarias, do contexto e da sensibilidade, para achegarse dende outra óptica ao que a rodea. Ela, Alicia, fica, xigante e dona da verdade absoluta, no medio dunha paisaxe descoñecida que busca interpretar dende o seu contexto branco e acomodado de xardíns e seráns de tomar o té.

As ficcións coma esta poden semellar a primeira vista irrelevantes, mais cómpre volver poñer o foco na importancia das ficcións como creadoras de realidade, non nun sentido abstracto e literario, senón máis ben no sentido dos discursos que imos debullando cada día a través das imaxes e mensaxes que proxectamos sobre nós mesmas e as nosas outras, en particular dentro dos feminismos occidentais. Igualmente, porque como defende Chandra Talpade Mohanty, a tarefa de revisar as interaccións entre os feminismos e os discursos coloniais é agora máis urxente ca nunca, nun contexto onde os patriarcados e o capitalismo se reforzan e onde debemos deconstruír os conceptos occidentais da suposta sororidade feminista da Alicia de cuncas de té para pasar a unha solidariedade feminista crítica como a que defende Mohanty.

Para as persoas que coma min habitamos espazos intermedios, persoas que somos o túnel ou o espello das Alicias varias, non deixa de resultar cada vez máis preocupante a ausencia dun debate de profundidade sobre a cuestión de/colonial no contexto dos feminismos occidentais. Polo xeral, cando se tratan estes temas, mesmo nun contexto de debate chamado “interseccional”, adoita ser dende o exotismo ou dende a superioridade moral, dúas caras do mesmo discurso.

Dende o exotismo, observamos con interese os movementos de mulleres indíxenas en América Latina, os saris rosa da India, as mulleres grafiteiras exipcias ou as creadoras de cine de Afganistán. Mais rara vez nos sentimos interpeladas polo seu discurso, rara vez deixamos de ver estas cuestións como algo “delas” e non noso. Rara vez as construímos, en suma, coma suxeitos.

A outra cara deste discurso, a da superioridade moral (esa idea de “como tratan as súas mulleres”), está aínda máis estendida, sen dúbida porque está na base dun discurso colonial xeral endexamais posto en dúbida. É habitual comprobar como se “informa” sobre a violencia contra as mulleres en México, os matrimonios infantís na India ou a mutilación xenital en Etiopía dende esa óptica do “como tratan as súas mulleres”, obviando todo o traballo que as feministas destes contextos levan facendo para desentrañar os vínculos complexos entre a colonialidade e a opresión actual das mulleres.

Na India, por exemplo, o ideal retrógrado que hoxe identificamos coa cultura patriarcal local é en realidade resultado da moral victoriana importada (recomendo ler as reflexións de Gayatri C. Spivak sobre este asunto en “Pode falar a subalterna?”). As violencias en América Latina contra os corpos das mulleres indíxenas e afrodescendentes proveñen directamente da cultura de domesticación da escravitude e as formas modernas de desvalorización da vida das mulleres (por exemplo, como man de obra barata nas maquilas, asunto que analiza polo miúdo Rita Laura Segato en varias das súas obras).

Negámonos a debater a exportación occidental da homofobia e un patriarcado extremo a culturas onde a concepción do xénero e a sexualidade foi e segue sendo, agora minoritariamente, moito máis fluída. E podemos pensar, é a tendencia xeral, que iso son cousas do pasado que nada teñen que ver con nós. Mais teñen. Porque somos nosoutras dende occidente quen esmagamos a heteroxeneidade das historias de resistencia das compañeiras do sur como Alicias xigantes cada vez que indicamos, por activa ou por pasiva, que nosoutras somos as donas dos feminismos e dos dereitos humanos. Esta tendencia, o único que fai é reafirmar o discurso fundamentalista patriarcal local que di que os feminismos son algo occidental e que polo tanto as mulleres en certos lugares deben asumir a súa posición de subordinación como algo “cultural inamobible”.

Ademais, dicir que os feminismos son unha creación occidental (ou os dereitos humanos), non é so pernicioso, senón falaz. Permítenos esquecer non só o noso papel na explotación das outras (porque, para quen producen as mulleres das que con tanta arrogancia nos conmiseramos? En que se basean os nosos “estados de dereito” cada día máis precarios?) senón sobre todo que moitos dos dereitos que temos, por poñer un caso o dereito á auga potable, aos medicamentos xenéricos ou ao alimento, son obra dos movementos de mulleres, en particular das campesiñas, do sur. Tamén é seu o mérito de que a violencia de xénero se recoñeza como unha violación dos dereitos humanos ou o recoñecemento internacional dunha longa lista de dereitos reprodutivos e sexuais.

Mais no fondo, todas as críticas decoloniais feministas, están falando de nosoutras. É hora de poñer o espello onde corresponde. Porque antes de nada cómpre entender como os feminismos occidentais se construíron dende a colonialidade, é dicir, facendo o que seguimos facendo agora: contrapoñernos a nós coas nosas outras. Véndonos como avanzadas e mellores fronte a aquelas que non consideramos nin suxeito. O feminismo occidental construíuse partindo da outra (primeiro a “india”, logo a “negra”, a “xitana”, a “oriental”, agora a “musulmá”) como non-ente, como non-saber, como non-corpo (ou corpo exacerbado).

Esa continuidade vese nos debates actuais sobre “musulmás” (como se unha muller de Etiopía e unha de Paquistán tivesen moito que ver), personalizadas por unha vestimenta que, como lle pasaba a Alicia, nin sequera comprendemos. Vese cando permanentemente somos nós as que temos que contar o que lles pasa, o que queren e o que nos interesa escoitar, moitas veces poñendo as mulleres doutros lugares a mercé do noso capital ou armamento, con discursos cómplices e simplistas (lembremos a infame campaña de Emma Bonino na que por primeira vez se falou en Europa dos burkhas de Afganistán, en coincidencia temporal perfecta cos primeiros bombardeos a este país). Vese cando falamos da maternidade, da subrogación ou da prostitución e non coñecemos nin comezamos coa historia de escravitude, co uso do corpo das mulleres negras nas nosas sociedades, a súa construción como servil, animal e polo tanto colector ou moeda de cambio nunha lóxica patriarcal capitalista.

Ademais dos beneficios materiais que tiramos de todos estes procesos, hai outros moito máis graves que sustentan todo este sistema colonial actual. Algo tan simple como que representar as outras desta maneira fainos sentir ben. Seguimos sendo, en palabras de Spivak, as brancas que imos salvar mulleres pardas de homes pardos. Este tipo de representación non só desactiva ás compañeiras do Sur, por sempre atrapadas na disxuntiva falaz de elixir entre as “culturas -patriarcais e poscoloniais- propias” e os feminismos, senón que nos desactiva a nós tamén. Facéndonos pensar que estamos no mellor dos mundos posibles e dándonos a entender que nós non temos nada que ver no que lles acontece ás nosas outras, en tempos onde, se hai algunha verdade, esta é que todas estamos conectadas.

Os feminismos occidentais precisan un xiro epistemolóxico que aínda non se deu. É hora de se centrar máis nas interrelacións e analizar e decompoñer a nosa situación de poder, as nosas complicidades. Un xiro epistemolóxico é coñecer tanto a Simone de Beauvoir como a Obioma Nnaemeka, Gayatri C. Spivak ou Rita Laura Segato. Un xiro epistemolóxico é deixar de medir a emancipación polo trapo de roupa que se leva posto. Un xiro epistemolóxico é deixar de capitalizar o discurso dos feminismos. Un xiro epistemolóxico é, sobre todo, deixarnos incomodar polas nosas outras. Os esforzos deben de estar do noso lado. O esforzo de coñecer as prácticas e saberes das outras nun proceso que non pode ser estético (decorar con dous nomes as nosas lecturas) senón ético (repensar a nosa posición). É entender que temos que rachar o espello colonial que nos devolve esa imaxe gratificante de Alicia, a que pon orde no mundo retorto, dunha vez por todas.

Para iso o coñecemento debe facerse accesible (e aquí a hexemonía lingüística, outra herdanza colonial, volve ser unha barreira) e debemos entender que é a nosa obriga, a nosa incomodidade, facer o esforzo por acceder a el. Debemos aprender a escoitar, a nosa función máis importante como feministas occidentais, e repensar quen somos nun contexto de neocolonialidade brutal onde as vidas das outras valen pouco, onde podemos destruír os seus contextos e apropiarnos das súas historias de resistencia como primeiro marcador de poder.

Un xiro epistemolóxico é deixar de ser Alicias que entran, monstruosas e en tropel, nas vidas das outras. É coñecer en profundidade e complexidade os contextos, deixar que elas (múltiples, diversas, complexas) falen, desfacer oposicións ficticias e estereotipos recorrentes que só producen silencio. Crear dende esta óptica espazos de convivencia tamén en Europa que transcendan deixar unhas horas de parias nas piscinas europeas a mulleres con burkhini a comezar a abrir espazos onde un diálogo de igual a igual sexa posible e onde unhas non acaben levando sobre os ombreiros o peso de ser o obxecto regulado polas outras. Deixar de ver a toda muller tapada coma unha oprimida e pensar en porque en occidente hai moitas mulleres e homes retrógrados e machistas, pero a ninguén se lle ocorre dicir que é por causa única da súa relixión.

Ao final de Alicia a través do espello, a nosa loira e branca protagonista acaba convencida de que ela é un soño do rei vermello e que non existe na realidade. Nós somos o soño da colonización, o problema é que existimos na realidade e seguimos sendo o pesadelo de tantas outras. É hora de rachar o espello, de romper a nosa propia imaxe e transformar dende as raíces, en alianzas complexas, o mundo que nos toca vivir.

Rachar o espello de Alicia: por un feminismo decolonial
0 votes, 0.00 avg. rating (0% score)

María Reimóndez

María Reimóndez é intérprete e escritora de profesión e feminista de vocación. Fundadora da organización 'Implicadas no Desenvolvemento'.

Uso de cookies

Nosotras también hemos sucumbido a las cookies y eso que no son de chocolate. Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies