fbpx

Esquerdas e Feminismos: algunhas anécdotas que si son categoría Participa

Nota: Esta es la sección de libre publicación en la que promovemos la participación de las lectoras. Publicamos contenidos que nos parecen interesantes aunque no coincidan con nuestra línea editorial ni con nuestros criterios de edición. Máximo 3 folios.

Paula Bouzas

O Partido Feminista de España, como parte integrante de IU, vén de pronunciarse criticamente con respecto ao programa de mínimos acordado por dirixentes de IU e Podemos para denunciar determinadas deficiencias no que debería ser un programa emancipador.

Non son tan ilusa como para sorprenderme polas reaccións que isto provocou nos meus compañeiros simpatizantes de esquerda. Eses que me acompañan na miña indignación ante os ataques do neoliberalismo contra os dereitos do pobo, eses que están ao meu lado nas manifestacións en defensa dos dereitos humanos, eses que defenden o papel dos movementos sociais como elementos de control ante o abuso do poder político… Os mesmos que asentan sobre o concepto de hexemonía os seus brillantes argumentos.

Non, non me sorprende que agora todas estas premisas queden atrás e que o seu discurso se afaste da sofisticación conceptual e dos refinamentos teóricos para centrarse na mensaxe de sempre: feministas, deixade de incordiar.

Non vou pedirlle pan ao vento, só lembrar un par de cousiñas:

  • O Partido Feminista de España forma parte de IU (é dicir, forma parte da plataforma política que asina ese programa de mínimos).
  • O Partido Feminista chámase así porque parte de premisas feministas e é precisamente por este motivo (suponse) polo que forma parte da formación.
  • O Partido Feminista ten, logo, a obriga moral de denunciar, dentro da formación da que, repito, forma parte aqueles elementos que non están en consonancia con estas premisas.

E falando de consonancias. Reto aos meus compañeiros de esquerdas a que mencionen unha soa das reivindicacións do Partido Feminista, unha soa, que non se compadeza cos principios de esquedas. Reto aos meus compañeiros de esquerdas a que me expliquen como é posible defender que o problema é das feministas.

Pero esta anécdota dáme pé para plantexar novamente o (doloroso por absurdo, por incomprensible) dilema que supón para as compañeiras feministas militar como tales nun partido convencional de esquerdas. Se temos en conta que calquera muller militante de esquerdas ten unha concepción política do seu feminismo, que as estruturas patriarcais operan nos partidos de esquerdas, como en tódolos demais, e que as mulleres militantes terán que posicionarse constantemente nestas estruturas, chegamos a unha conclusión terrible: o compromiso político destas mulleres progresistas implica un conflito identitario brutal que ademais é sistémico.

De novo, unha anécdota. Un partido integrado no eixo de esquerdas propón unha lista encabezada exclusivamente por homes, polo que a militante se enfronta a dúas opcións: unha, poñer sobre a mesa, unha vez máis, a artillería teórica sobre hexemonía, invisibilización e carácter representativo; outra, renderse á pragmática de partido. Cando opta polo primeiro, atopa como resposta unha chea de escusas paternalistas que se resumirán nun “agora non toca” (ao tempo que empezará a ser sospeitosa de certa deslealdade). Cando opta polo segundo, fica tan invisibilizada coma sempre, pero será ela quen deba dar a cara ante a inevitable recriminación: “Mira, como muller, non che resulta lamentable que a lista do teu partido estea encabezada por homes?”.

E digo eu: Non lle tería que parecer isto lamentable a calquera que fose de esquerdas?

A terceira anécdota. A ninguén se lle ocorre desprezar a importancia histórica das sufraxistas, admirables mulleres que loitaron polo seu dereito ao voto e que, como se sabe, tanta oposición atoparon por parte de… mulleres de esquerdas! Que tamén atopasen oposición entre os homes progresistas ten que parecerlle a todo o mundo do máis normal, claro: o voto feminino sería tendencialmente conservador e iso entorpecería electoralmente o éxito dos principios de esquerdas no parlamento. Incomprensible que as mulleres de esquerdas non se alzaran en contra deste argumento reaccionario e antidemocrático. Madia leva! Tendo en conta o compromiso, a sensibilidade e a solidaridade feminista dos nosos compañeiros na actualidade, a comezos do século xx tería sido sen dúbida pan comido!

Creo que estes casos son reflexos do tráxico conflito ao que se ven sometidas as militantes de esquerdas que queren influír nas súas respectivas formacións. Un conflito, ignorado polos seus compañeiros, no que elas sempre perden. Cal é a consecuencia?

Unha última anécdota. Cando se menciona a necesidade de modelos femininos influentes na política, non falta algún iluminado que saca unha ristra de nomes tirados dos nosos entornos máis achegados para lembrarnos, con algo de sorna, que a meirande parte deles pertencen a un ámbito reaccionario (ou moi reaccionario). Que se nos quere dicir exactamente con isto? Que de cinco políticas catro van saír reaccionarias e que polo tanto non paga a pena loitar pola paridade? Que a “feminización” da política non leva a ningures?

O certo é que este fenómeno ten unha explicación profunda e complexa que non pode deixar de buscarse; unha explicación profunda e complexa que se pode agochar, precisamente, tralas pequenas anécdotas…

Esquerdas e Feminismos: algunhas anécdotas que si son categoría
0 votes, 0.00 avg. rating (0% score)

Revista que ofrece periodismo y opinión con un enfoque crítico, feminista, transgresor y disfrutón.

Comentarios recientes

  1. pastanaga

    Genial article! I m’alegra moltíssim trobar un espai on escriure i llegir en les nostres pròpies llengües.
    Viva Galiza e a loita internacionalista!

Los comentarios están cerrados

Uso de cookies

Nosotras también hemos sucumbido a las cookies y eso que no son de chocolate. Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies