Premiados

Premiados

Hai unhas semanas vin un concurso en que se buscaba a “imaxe da igualdade”, e decidín participar; cal é a miña sorpresa cando recibo un mail coas fotos gañadoras e as tres levan nome de home.

14/11/2013

Gema Zunzunegui

Unha das miñas afeccións é a fotografía. De cando vez preséntome a algún concurso pola emoción de poñerme retos. Temas pechados sobre os que pensar e aos que lles dar voltas coa idea de sacar algo orixinal. Como en todo, ás veces ganas e ás veces perdes. E, xa que non se trata de manter a intriga, adianto que esta vez, estou na segunda situación.

Cando hai unhas semanas vin un concurso en que se buscaba a “imaxe da igualdade”, decidín participar pois tiña unha dupla motivación: dunha banda era un concurso de fotografía, e doutra, relacionado co mundo do feminismo. Visibilizar o traballo da muller, mulleres e ciencia, ruptura de estereotipos de xénero. Estas son as ideas que se dan na propia convocatoria para orientar a temática dos traballos que se presenten.

suscribete al periodismo feminista

Con isto na miña cabeza, doulle voltas a varias ideas e decido poñerme mans á obra. Unha vez localizados os elementos que quero introducir nas fotos, e coa cámara e o trípode ao lombo, alá me vou na procura de boa luz. Presentadas as fotos, fico tranquila pois estou contenta co meu traballo, sexa cal sexa o resultado, paseino ben.

Cal é a miña sorpresa cando hoxe recibo un mail coas fotos seleccionadas gañadoras e coas fotos que van formar parte da exposición itinerante, e as tres obras que reciben premio económico, levan nome de home. Máis unha vez volvemos estar nas mesmas. En ningún momento o meu argumento vai na liña de pechar a participación no concurso á poboación feminina en exclusividade; non se trata de manter fóra do cambio a postura masculina. Non propoño excluír senón incluír.

Mais é curioso que na primeria liña, quen recibe os premios literarios, de investigación, de fotografía, de cine… sexan maioritariamente homes. U-las mulleres? En que posición quedamos?

Paradóxico que nun concurso en que se busca a mirada da igualdade, a visibilización do papel da muller na sociedade actual, a ollada que merece o premio sexa a masculina. Máis unha vez as mulleres quedamos relegadas ao segundo plano. Ao plano que non gaña premios. Ao plano en que o esforzo non se ve recoñecido, recompensado.

Non vou discutir a calidade técnica das fotografías, nin a calidade da idea. Non é a miña función. Esa foi a tarefa doutras persoas. Persoas ás cales isto lles parecerá ridículo. Igual que mo parece a min a decisión que tomaron, e que me leva a valorar máis que nunca o traballo invisible. O traballo que nesas bases do concurso se intentaba visibilizar. As revolucións deben estar conectadas. E neste caso, soamente vexo a intención revolucionaria na convocatoria. O resultado vén ser o de sempre. E, como é evidente, seguindo a liña de sempre, non se cambia nada.

Mais como eu son persoa optimista, que está convencida de que as estatísticas poden cambiar, de que nas entregas de premios, as premiadas poden ser mulleres, propoño un brinde por todo ese esforzo que non se ve. Polo traballo de moitas mulleres que atopa centos de pexas para ser xulgado da mesma maneira e cos mesmos criterios que o traballo que leva nome de home. Parabéns a aquelas que non baixan os brazos e seguen loitando no día a día para gañaren un espazo propio, non só para elas, senón para todas esas mulleres que virán despois.

 

Download PDF
master violencia de género universidad de valencia

Artículos relacionados

Últimas publicaciones

ayuda a Gaza
Download PDF

Título

Ir a Arriba