Farta de estar farta

Farta de estar farta

Pódese dicir que case son unha novata nisto de levar lentes lilas. Que hai pouco tempo que vexo a vida a través dos cristais da revolución malva. E xa estou farta.

07/10/2013

Gema Zunzunegui

Estou farta de que a xente opine sen saber. De que, tanto homes como mulleres, xulguen sen ter coñecemento de causa (ou da cousa que nos ocupa). Farta de que os homes se sintan ameazados por uns movementos que soamente coñecen a través duns medios de comunicación que distorsionan ao seu antollo unha loita que vai moito máis aló do que fan crer. Farta de que a xente crea esa información manipulada. Manipulación que vai dende as palabras que empregan para describirnos, até os tempos e espazos que nos dedican.

Estou farta de que identifiquen feminismo con hembrismo, de que nin se molesten en informarse, que xa non digo en formarse. Farta de que unifiquen, e deixen polo camiño a riqueza da variedade. A riqueza de falar de feminismos, en plural. Porque sen ter que estar de acordo con todos os puntos das diferentes vías que se poden tomar, só fai falta estar de acordo coa procura da igualdade: de xénero, de clase, de orixe.

Estou farta de que se negue a ausencia desa igualdade, de que se maquille de igualdade o que non é outra cousa que patriarcado. Farta de que se intenten calar, ou invisibilizar, as voces e as accións que saen da norma creada nesa cultura patriarcal. Unha normalidade, comodidade, na cal querer estar para non pensar.  Farta de que creen etiquetas para todo. Para todo o que sae do común e convén controlar, restarlle importancia, minimizar, invisibilizar. Porque xa sabemos que o que non se nomea non existe. E aí estamo nós: no non nomeado. E así quedamos tranquil@s. E se non quedas tranquil@, entón, es ti quen tes un problema.

Farta de que se banalice o uso de certas palabras, de que se xogue coa linguaxe como se non tivese ningún valor. Farta de que certas palabras se trivialicen, e se empreguen tanto, por tant@s falabarato, que queden baleiras. E que cando as queres empregar, xa perderon o seu peso, a súa forza. Porque, máis unha vez, xa se encargaron de manipulalas. De querer facer crer que son utopías.

Estou farta de que se nos mostre como un pequeno grupo de tolas resentidas co xénero masculino, que  non pretenden outra cousa que poñerlle un pé na cabeza a modo de vinganza. Porque quen usa eses adxectivos de “pequeno” e “tolas”, non pretende nada máis que ridiculizar, minimizar e calar unha loita que en realidade é de moitas. Mais tamén é de moitos. Porque tamén hai homes que deciden cambiar as súas lentes, que queren compañeiras no seu camiño, e non grandes mulleres que se sitúen por detrás deles.

Estou farta de estar farta.

Mais canto máis farta estou, máis forza teño. Máis alto gritarei iso de “submisa me queres, rebelde me terás”.

Máis claro teño iso outro de “a revolución será feminista ou non será”.

 

Download PDF
Etiquetas:

Artículos relacionados

Últimas publicaciones

Download PDF

Título

Ir a Arriba