Os amores cómplices e diversos de Begoña Caamaño Ficciones, Reseñas

Imaxinas que Penélope e Circe (esposa e amante de Ulises respectivamente) tecesen un amor entre elas baseado na admiración mutua e a sororidade? Pois é a proposta de ‘Circe ou o pracer do azul’, de Begoña Caamaño.

Portada de 'Circe ou o pracer do azul'Hai cinco anos a ONG galega Implicadas no desenvolvemento organizaba un club de lectura sobre Morgana en Esmelle, o segundo libro da xornalista e escritora feminista Begoña Caamaño, quen estaría presente e participaría da actividade con todas nós. Alí descubrín a unha muller cálida, sensible, moi intelixente e coidadosa. Unha meiga de mirada firme, de sorriso cómplice. Non nos coñeciamos, pero ela fixo todo o posible para que a comodidade se instalase entre o grupo. Recoñezo que, naquela altura non lera o libro mais, sentín moita curiosidade por esa muller e polas historias que escribira. Soamente temos dous libros dela, o de Morgana en Esmelle (2012), no que ofrece un novo enfoque do mundo artúrico e as Terras de Miranda, e o de Circe ou o pracer do azul (2009), no que agasalla unha revisión do mito de Itaca e Ulises. E digo soamente porque son tan fermosos, tan precisos, que dous non me chegan a nada. Ese día Begoña e, da súa man, Circe, Penélope, Morgana, chegaron a miña vida para quedarse, para mudala, para revolucionala.

Circe ou o pracer do azul é o libro que máis veces regalei e o libro que máis veces lin. De ambas cousas perdín a conta. E cada vez que o leo, algo descubro, algo me sorprende. Volvo ficar atrapada nesa historia que narra o mito mil veces narrado, pero dun xeito máxico e fermoso, tinguido de lilá. Unha relación epistolar entre as illas de Itaca e de Eea, entre as mulleres que as dirixen, Penélope e Circe, que de sempre nos presentaron como personaxes secundarias, case invisibilizadas. Mais aparece Begoña e coa súa mirada feminista, desmontando os parámetros patriarcais, as protagonistas son elas: Circe e Penélope, mais tamén as mulleres que conforman as súas comunidades, as súas redes. Coñecemos desde a súa voz a súa vida, a súa situación, os seus sentimentos, os seus razoamentos. Con palabras bonitas, moi bonitas, mais tamén moi lúcidas, moi claras.

E aquí está, para min, unha das cousas máis fermosas e máxicas do libro. Elas non son rivais, son irmás, son compañeiras, son cómplices. Ambas as dúas son mulleres intelixentes, loitadoras, coidadoras, coidadosas, sabias, independentes, xenerosas.

A liberdade e a confianza son os eixes das súas relacións; entre elas, mais tamén cos homes que as rodean, cos homes cos que se relacionan. Na illa de Eea, as mulleres son as que poñen as reglas, as que marcan as pautas de respecto cara elas. Un contexto no que viven en liberdade, sen medos, escoitando o corpo, escoitándose entre elas. Tecendo afectos e vínculos dende o máis absoluto respecto polas súas vidas. Os autocoidados e os coidados sempre están presentes. Preocupadas por facer grupo, por colaborar, por axudarse, sosterse, respaldarse, admirarse…

Non hai nin rastro dese modelo patriarcal de rivalidades, de destruccións, de pelexas, de enfrontamentos. Por un home, por un obxectivo, por un ideal. Neste caso Ulises é meramente o nexo de unión entre dúas poderosas mulleres. Elas van construir(se) conxuntamente a partir de ese vínculo. Mais tamén á marxe del.

O amor está presente en cada páxina. O amor en moitas formas diferentes: como nai, parella, amante, amiga, compañeira, raíña… Son moitas as historias de amor, que nos mostran que as diferencias, as dificultades poden afrontarse dende outro sitio afectivo e enerxético que acabará construindo algo moito máis potente, que rematará por achegar posturas e facilitar o entendemento. A través da relación que Penélope e Circe tecen, temos o poderoso exemplo de que outro tipo de realidades son posibles. Unha relación na que as mulleres son cómplices e se admiran mutuamente e, a través desas cartas carrexadas por un fermoso paxaro, se reforzan e se expresan sen filtros sobre o que viven e como o viven. Sen etiquetas. Porque as etiquetas quedan curtas.

“É o tempo do feminismo: da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e, por qué non? Da felicidade” é unha frase de Begoña. Eses valores dos que fala, esa felicidade que nunca esquece, nin na súa carta de despedida, están nesas 308 páxinas escritas dende o amor.

Non podo concordar máis en que “a vida é feminista ou non é vida”. E dende esa afirmación súa, celebramos ese feminismo, celebramos esa vida en lilá que puxo a esa mullerona no noso camiño.

E brindamos por ti amada Begoña, claro que brindamos por ti, agora e sempre.

Os amores cómplices e diversos de Begoña Caamaño
0 votes, 0.00 avg. rating (0% score)

¿Quieres debatir en un espacio tranquilo, seguro y libre de (machi)trols? Vente al foro de debate de Pikara Magazine

Uso de cookies

Nosotras también hemos sucumbido a las cookies y eso que no son de chocolate. Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies